Durante a sesión plenaria, celebrada no marco histórico do Castelo de Maceda, especialmente habilitado para a ocasión, o presidente do Consello Social destacou o carácter simbólico deste encontro, o primeiro que o órgano realiza fóra dos espazos universitarios ou empresariais, e agradeceu a acollida do Concello de Maceda e da súa alcaldesa, Uxía Oviedo, así como a colaboración do doutor José Manuel Lage, impulsor do Museo do Médico Rural, que os asistentes visitaron previamente. (Arriba na imaxe).
A sesión tamén serviu para dar a benvida á nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, que participou no seu primeiro pleno como máxima responsable da institución. Tamén significou a estrea da nova secretaria xeral, Emma Rodríguez, e da nova xerente da institución, Ana Comesaña. O presidente do Consello Social expresou a súa vontade de manter unha estreita colaboración co novo equipo reitoral para seguir avanzando nos grandes desafíos estratéxicos da universidade.

O Consello aborda o gran reto do aloxamento universitario
Neste pleno extraordinario presentouse un estudo sobre a situación do aloxamento universitario nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, unha cuestión que se converteu nun dos principais retos para a igualdade de oportunidades e a captación de alumnado.
Entre os datos máis relevantes do estudo destaca que preto do 90% do alumnado considera que dispoñer de apoio para atopar aloxamento pode influír na elección de universidade, e un gran número botan en falta apoio oficial para atopar aloxamento.
Neste contexto, o Consello Social considera necesario impulsar medidas a medio e longo prazo que permitan mellorar as condicións de aloxamento do estudantado, facilitar a mobilidade entre campus e reforzar a competitividade da Universidade de Vigo nun entorno universitario cada vez máis esixente.
O titular que deixa o estudo realizado en 700 enquisas ao estudantado:
Nove de cada dez alumnos, condicionados polo aloxamento
Na xuntanza do Pleno do Consello Social da Universidade de Vigo foi presentado o estudo «O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos», encargado polo propio Consello Social a Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, profesores do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo.
O traballo realizado estrutúrase en catro grandes bloques. O primeiro establece o marco conceptual e analiza o papel do aloxamento no sistema de acceso e vivencia universitaria, así como os diferentes modelos desenvolvidos noutros sistemas universitarios a nivel nacional e internacional. O segundo realiza un diagnóstico da situación da UVigo desde a perspectiva da oferta, atendendo ás residencias, ao mercado de alugueiro nas cidades dos campus e aos instrumentos económicos, informativos e de acompañamento dispoñibles. O terceiro incorpora a perspectiva do estudantado e, finalmente, o cuarto identifica posibles liñas de actuación para a súa valoración pola Universidade.
Desde o punto de vista metodolóxico, o estudo combina a análise cuantitativa da oferta e da demanda, a comparación con outras universidades españolas e internacionais, a identificación de políticas e boas prácticas e a consulta directa ao alumnado. Neste último ámbito, realizouse unha enquisa a máis de 700 estudantes da Universidade de Vigo.
A relevancia da cuestión analizada queda reflectida polos primeiros resultados do estudo. O 87,9 % do alumnado considera que a modalidade de aloxamento condiciona a súa experiencia universitaria, e case 9 de cada 10 alumnos afirma que dispoñer de apoio para acceder ao aloxamento asumible pode influír moito ou bastante na elección da Universidade. Datos que confirman que non estamos ante unha cuestión meramente residencial, senón ante un reto para o acceso aos estudos, a permanencia e a experiencia universitaria. Máis dun terzo do alumnado asegura ter botado en falta algún tipo de axuda institucional para buscar vivenda.
Os resultados completos, as conclusións e as posibles liñas de actuación derivadas do estudo faranse públicos no mes de setembro.
Juan Manuel Vieites presentou unha análise da situación económica da UVigo
Outro apartado destacado da orde do día xirou sobre as contas e a situación económica da UVigo e das súas sociedades. Juan Manuel Vieites, presidente da Comisión Económica, presentou os distintos puntos da súa competencia, entre eles as contas provisionais de 2025. Como cuestións principais reflexionou sobre a evolución do remanente de tesouraría dispoñible e sobre gastos de persoal. Concluíu as súas intervencións pedindo á nova Xerencia prudencia na contratación e o máximo rigor en todas as decisións con implicación económica.