O VIII International Marine Connectivity Conference (iMarCo 2026) celebrouse entre o 2 e o 4 de setembro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) cunha participación de preto de 400 investigadores e investigadoras de diferentes países. Está organizado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC)e conta coa colaboración do Consello Social. Baixo o lema Connectivity across water realms for ecosystem resilience, esta edición supón un fito ao ampliar o seu enfoque tradicionalmente mariño para incorporar de maneira transversal os sistemas fluviais, nunha visión integradora do denominado Aquatic Nexus.
O presidente do comité organizador local e investigador do CIM, Andreu Blanco, abriu o encontro lembrando que “a conectividade non remata na liña de costa” e que os ríos, esteiros e océanos forman parte dun mesmo sistema interconectado. Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias do Mar, Elsa Vázquez, salientou a relevancia de que un evento desta magnitude se celebre en Vigo, unha cidade “cunha historia, cultura e economía estreitamente vinculadas ao mar”, e subliñou o papel da investigación como ferramenta para a toma de decisións baseada na evidencia científica ante os retos do cambio climático, a perda de biodiversidade e a transición cara a unha economía azul sostible.
A directora do IIM-CSIC, Beatriz Novoa, pechou a inauguración reivindicando a necesidade de conectar coñecementos, disciplinas e perspectivas, e destacou que “os organismos mariños e de auga doce non poden estudarse de maneira illada”. Animou as persoas participantes a trasladar o propio concepto de conectividade ás relacións que xurdan durante o congreso, e subliñou que as rías galegas e a ría de Vigo son exemplos da estreita relación entre as actividades humanas e o medio mariño.
O programa científico estrutúrase en tres grandes sesións. The Aquatic Nexus: From Freshwater to Marine Effective Connectivity aborda as conexións entre os sistemas de auga doce e mariños; Drivers of Ecosystem Connectivity in a Changing Environment analiza como o cambio climático e outras presións humanas están a modificar a conectividade; e Species on the Move: Movement as a Driver of Ecological Connectivity pon o foco nos movementos individuais dos organismos como motores da conectividade ecolóxica. O encontro conta ademais con sesións plenarias a cargo de especialistas internacionais como Audrey M. Darnaude (MARBEC, Francia), Jesse O’Hanley (University of Kent, Reino Unido) e Esben Moland Olsen (Institute of Marine Research, Noruega).
O programa complétase con sesións científicas, presentacións de pósteres e obradoiros especializados, incluíndo unha sesión sobre tecnoloxías de tracking e seguimento de organismos acuáticos na que participa persoal investigador da European Tracking Network (ETN). O Consello, por medio da súa colaboración, reafirma o compromiso coa investigación e a transferencia de coñecemento, contribuíndo a que a UVigo se consolide como un referente internacional no estudo da conectividade dos ecosistemas acuáticos e na procura de solucións ante os efectos do cambio global.