O edificio Afundación de Vigo acolleu durante os días 21 e 22 de setembro a Xornada de Secretarios da Conferencia de Consejos Sociales (CCS) de Universidades Españolas, un encontro que reuniu a preto do 60% dos secretarios da CCS, procedentes de 23 universidades españolas, ademais da propia estrutura da Conferencia. Baixo o lema “Nuevos perfiles para nuevos cometidos”, a cita foi inaugurada pola reitora da UVigo, Carmen García Mateo; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; a presidenta da CCS, Ángela Santianes; e a presidenta da Comisión de Secretarios da CCS, Olga de la Pascua. A xornada, organizada pola CCS co apoio do Consello Social da UVigo como anfitrión, permitiu analizar a evolución das funcións das secretarías nun contexto universitario en transformación.
O programa comezou cun obradoiro centrado no impacto da intelixencia artificial e as novas ferramentas dixitais no traballo das secretarías, e continuou con ponencias sobre as novas obrigas económicas, a cargo do responsable de Administración da UVigo, Rodrigo Cerviño; o cumprimento normativo, con Susana Olcina, secretaria do Consejo Social da UNED; e unha visión retrospectiva das experiencias, fitos e evolución de cometidos, impartida polo secretario do Consello Social da UVigo, Ignacio Rodríguez. Segundo Olga de la Pascua, “as secretarías necesitan coñecer ben os cambios lexislativos, compartir como se están aplicando en cada universidade e anticipar novas responsabilidades”, xa que “non só están cambiando as ferramentas de traballo, senón o alcance e a complexidade das funcións que os consellos sociais deben desempeñar”.

Na inauguración, Carmen García Mateo trasladou aos Consellos Sociais a vontade de colaboración da Universidade de Vigo e pediulles que vexan na institución “un aliado”. A reitora, recentemente elixida como a primeira muller á fronte da UVigo, destacou ademais a coincidencia con Ángela Santianes, primeira presidenta da CCS, como reflexo dunha nova etapa en ambas as institucións.
Pola súa banda, Santianes definiu os secretarios como “o corazón dos Consellos Sociais” pola súa achega de rigor, coñecemento, estabilidade e memoria institucional, e sinalou que, nun momento de transformacións rápidas, un dos grandes retos da gobernanza universitaria é avanzar cara a unha maior axilidade sen perder o rigor necesario. Neste sentido, animou as secretarías a identificar procesos que poidan simplificarse e, cando sexa necesario, posibles melloras lexislativas. “Estámonos xogando o futuro dos nosos mozos”, recordou Santianes, quen defendeu que a universidade debe seguir sendo un ascensor social e unha fonte de progreso, ademais dunha institución forte e competitiva.
Ignacio Rodríguez, tras 22 anos no cargo, destacou entre as achegas impulsadas nestas dúas décadas “a elaboración dun protocolo propio e un manual de precedencias para presidentes e membros dos consellos; o impulso da cultura do fundraising e o mecenado universitario; a aposta por mellorar a comunicación e difusión das actividades do Consello; ou a creación dun Observatorio de Egresados”, que ofrece información detallada sobre a inserción laboral dos titulados da UVigo.