A Universidade de Vigo celebrou o 22 de outubro de 2026, no edificio Redeiras, a entrega da quinta edición dos Premios Alumni-UVigo, unha cita que recoñeceu “o traballo, esforzo e ilusión” de oito persoas tituladas, tres delas con carácter honorífico. O acto contou coa colaboración do Consello Social. Na mesa a reitora, Carmen García Mateo, a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, que deu a benvida ás persoas asistentes e o presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, que foi o encargado de entregar o Premio Alumni Distinguido ao enxeñeiro Alejandro Sanz Fonta, do equipo Mercedes-AMG Petronas Formula One Team, “por unha traxectoria profesional sobresaliente e recoñecida a nivel autonómico, nacional e internacional”.

Pedrosa despois de entregar o premio Alumni Distinguido ao enxeñeiro Alejandro Sanz Fonta
Os recoñecementos honoríficos completáronse co Alumni Honorífico outorgado á escritora Ledicia Costas, licenciada en Dereito pola UVigo, “polos seus relevantes méritos profesionais, que contribúen ao recoñecemento e prestixio da UVigo, dentro e fóra dela”, e coa distinción Amigo-Alumni UVigo ao capitán de navío e director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo Rey-Stolle, como persoa externa á institución “destacada polo apoio e fomento daquelas actividades que contribúen aos intereses e valores propios da Universidade de Vigo”. No caso de Costas, que non puido asistir, o xurado valorou unha traxectoria que a converteu nunha das autoras máis traducidas da literatura infantil e xuvenil galega, con tres Premios Lazarillo e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España en 2015 por Escarlatina, a cociñeira defunta.
Na quinta edición dos galardóns, elixidos por votación popular entre os membros da comunidade universitaria, recoñecéronse tamén as traxectorias de Iria Varela Campo, cofundadora de ODS Protein, na categoría de Emprendemento; Ramón Méndez González, localizador e tradutor no campo dos videoxogos, en Humanidades; Álvaro Soto Táboas, impulsor de Voar Motos, en Impacto Social; Alberto González Muiño, cofundador de Alén Space, en Traxectoria Profesional; e David Aramburu Núñez, radiofísico e investigador no Memorial Sloan Kettering Cancer Center de Nova York, en Investigación. Os galardóns foron entregados por Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant; a escritora e tradutora Rexina Rodríguez Vega; Lucía Curra, secretaria da Asociación Bicos de Papel; Bibiana Rodiño, fundadora e CEO de BETA Implants; e África González, catedrática de Inmunoloxía da UVigo.
No peche do acto, a reitora subliñou que as persoas premiadas “representades moi ben o talento que se forma nas nosas aulas” e reivindicou unha universidade “pública, galega, viva e aberta”, na que “pague a pena estar”. Pola súa banda, Dolores González lembrou que a comunidade Alumni-UVigo pasou de pouco máis de 1.000 integrantes na súa creación en 2022 aos 3.500 actuais, e avanzou que se está a traballar nunha modalidade de “mentoría por un día” máis flexible, tomando como referencia o programa de mentoría Alumni-UVigo, no que na última edición participaron 31 mentoras e mentores e 36 estudantes. Coa súa colaboración, o Consello Social da Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso co fortalecemento do vínculo entre a institución e os seus egresados e egresadas.