O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo a súa primeira visita institucional á Universidade de Vigo este mércores 29 de marzo, na que se reuniu co reitor, Salustiano Mato, e co seu equipo de goberno, así como co presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e coas comisionadas e comisionados da institución académica.
Esta era a primeira visita do presidente ao campus xa que, inda que ten participado en numerosos actos académicos da institución, non estivera aínda nas instalación de Vigo. Tras a recepción do presidente e a sinatura no Libro de Honra da Universidade, o titular da Xunta de Galicia deu un paseo polas inmediacións para coñecer o campus. Así, puido coñecer as novas dependencias do novo Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, Cacti.
Entre os temas debatidos na visita estiveron o Campus do Mar e os terreos da ETEA, o Campus de Excelencia Internacional, o Vigo tecnolóxico, o novo mapa de titulacións universitarias, o Centro de Investigacións Biomédicas, unha da sete unidades excelentes acreditadas pola Xunta xunto á Ecimat e AtlantTIC.
Feijóo finalizou a súa visita recoñecendo o traballo desenvolvido polo equipo de Goberno actual e anteriores da institución académica viguesa a prol dun modelo de universidade “solvente; que foi capaz de capear a recesión económica; que é capaz de multiplicar por dous e incluso por tres cada euro público que recibe e de altísimo nivel e que a pesar dunha idade curta, no se entendería o Sistema Universitario desde a modernidade, a unidade e a colaboración”.