Histórico

O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa Silva, asistiu á entrega da medalla de Amigo Distinguido a Luis Espada Recarey

2018-10-23T18:14:32+00:004 de Decembro de 2015|Novas|

A asociación Alumni Universidade de Vigo nomeou ao profesor Luis Espada Recarey, Amigo Distinguido de Alumni Vigo. “É un recoñecemento que asumo como símbolo a todo o saber que tiven a oportunidade de recibir e transmitir ao longo de toda a miña vida”, admitiu Espada, que, emocionado, se manifestou “honrado” por recibir esta distinción e orgulloso por “sentir que de verdade formo parte desta institución”.

O acto de entrega da medalla tivo lugar no auditorio municipal da rúa Areal, na antiga Reitoría, e ata alí se desprazaron numerosos membros da comunidade universitaria e representantes de diferentes estamentos da sociedade viguesa que quixeron sumarse a este acto de agarimo ao que fora primeiro reitor da Universidade, hoxe profesor emérito. Entre os asistentes non faltaron, o reitor, Salustiano Mato; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e o ex-fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, que pronunciou a conferencia Universidade, Sociedade e Dereito.