O Consello Social –reunido o Pleno no Campus de Ourense– aproba o maior orzamento da UVigo e autoriza a recepción de dúas doazóns

2018-12-27T17:38:45+00:0027 de Decembro de 2018|Novas|

O Consello Social da Universidade de Vigo elixiu o Campus de Ourense para celebrar a súa última sesión plenaria do ano. Entre os asuntos tratados na orde do día destaca a aprobación definitiva do orzamento máis alto na historia da UVigo, por riba dos 182 millóns de euros, e o teito de gasto para 2019 fixado en 192 millóns. Cun contido marcadamente económico, na reunión deuse luz verde tamén, entre outros asuntos, á oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos da universidade, e aprobouse a asignación de complementos retributivos a profesores por cargos de xestión e por excelencia curricular.

O Pleno autorizou a creación de tres empresas de base tecnolóxica promovidas por profesores da Universidade de Vigo a partir do aproveitamento de investigacións que se realizan en distintos campos de coñecemento. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, sinalou a importancia de que o coñecemento que se xera na UVigo “chegue ás persoas e á sociedade, para mellorar o desenvolvemento económico, transformar o modelo produtivo e facer partícipe da ciencia á cidadanía”. Respecto diso engadiu que se está cumprindo a imprescindible terceira misión universitaria: “que a investigación salga das universidades e sexa aproveitada e mire cara ás necesidades reais da industria e das empresas para mellorar a súa competitividade, crear postos de traballo e benestar social”.

Como especialmente importante foi cualificada tamén a autorización concedida polo Consello Social á UVigo para recibir senllas doazóns efectuadas polo pintor Alejandro Cabeza e pola empresa Endesa, S.L. Ernesto Pedrosa subliña o valor destas iniciativas por entrar nun campo no que o Consello Social de Vigo é referente en España polo seu labor para fomentar o mecenado e o fundraising cara ás universidades.

O Pleno, reunido no edificio Politécnico, comezou cun emotivo recordo en memoria de José Manuel Pérez Canle como membro que foi do Consello Social.

Membros

O Consello Social está formado por 31 membros elixidos pola Universidade, Parlamento, Xunta, Concellos con Campus, Organizacións empresariais e sindicais, antigos alumnos e Colexios profesionais. Está presidido polo avogado pontevedrés Ernesto Pedrosa, co ourensán Daniel Barata como vicepresidente.