Actos do presidente

Pedrosa presenta a 8ª edición de Edugal, salón que conta co apoio do Consello Social

2019-02-21T18:09:01+00:0021 de Febreiro de 2019|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

Ao mediodía deste xoves, 21 de febreiro, presentouse a 8ª edición Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal), no edificio do antigo reitorado. Alén do Presidente, Ernesto Pedrosa, na rolda de prensa participaron a vicerreitora de Captación de alumnado, estudantes e Extensión Universitaria –Natalia Caparrini– e a vicepresidenta da Asociación de Empresarios de Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra (AEMPE) –Conchi Pereiro– que xunto co Concello de Pontevedra organizan o evento.

Se premes na imaxe podes descargar o dossier da 8ª edición de Edugal (PDF 2,1 Mb)

O presidente do Consello Social referiuse a Edugal como “o maior evento da oferta educativa”, onde o estudantado pode acceder de xeito directo á información que precisa para a súa formación. Pedrosa felicitou a AEMPE pola organización do salón, que terá lugar os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo no recinto feira de Pontevedra.

A presente edición contará con 54 stands e agardase un mínimo de 5.000 estudantes. Como novidades, adiántase a celebración dun torneo de videoxogos e unha exposición protagonizada polas mulleres ás que se lles outorgou o premio Josefa Wonenburger, galardón promovido pola Xunta de Galicia e que desde 2007 se concede a mulleres relevantes nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía. Unha delas, a microbióloga da USC Alicia Estévez Toranzo, impartirá unha conferencia.

[Fotografía e algunhas informacións recollidas da nova sobre este tema no DUVI]