Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora coa vixésima edición do Foro Tecnolóxico

2020-03-08T10:52:57+00:006 de Marzo de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Do mércores catro ao venres seis de marzo desenvolveuse na Escola de Enxeñaría de Minas o XX Foro Tecnolóxico de Emprego, un evento organizado por estudantes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Escola de Enxeñería Industrial. Este alumnado, o das enxeñarías do campus de Vigo, hai anos que apostou por non agardar polas ofertas das empresas e decidiron organizarse para atraer o tecido empresarial, para establecer contactos e traballar na súa inserción laboral de xeito directo. É ben lembrar que hai uns días a Consellería de Educación e a Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Acsug, presentaron un estudo no que aparecen o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación, o Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría de Organización Industrial entre as titulacións con maior empregabilidade.

O Consello Social, do mesmo xeito que en edicións anteriores, participa no evento como patrocinador.

Captura da portada da web do Foro

No  foro de 2020 participan preto de 40 empresas, con cada seu posto nunha especie de feira, ás que se lle poden entregar currículos. O programa inclue actividades como obradoiros, mesas redondas e sesións formativas. Á fronte da organización está Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que explica este evento “resulta de grande interese para o alumnado”, posto que lle achega “unha oportunidade de coñecer a realidade laboral da carreira que estudan e, ao tempo abrir os seus horizontes, non só conseguindo unha oportunidade de traballo, senón tamén coñecendo unha maneira de redirixir os seu estudos e formación cara novas metas ou obxectivos”.

Máis de 60 estudantes implicados na organización

Conseguir sacar adiante un evento desta envergadura, con tres días de actividades paralelas en tres escolas implica horas de dedicación e unha planificación durante os últimos seis meses. Para isto, a organización desta vixésima edición conta cun equipo humano de estudantes das tres escolas, con 19 coordinadores e 44 voluntarios e voluntarias que, como remarca a coordinadora, traballan “con moitísima ilusión, ganas de aprender e seguir mellorando”. Neste sentido, engade que a intención da organización é “crear un evento profesional, mantendo a nosa identidade de que somos xente nova con ganas de medrar profesional e persoalmente, isto é o que queremos transmitirlle ás empresas. En resumo, foro é un evento creado polo alumnado, para o alumnado”, conclúe.