O martes 9 de marzo comezou o conxunto de conferencias, talleres e seminarios que conforman este ciclo cun relatorio de Luz Baz Abella (na imaxe superior), coordinadora en España da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte (ITF). Abella, que é boa coñecedora dos problemas pesqueiros e das dificultades das mulleres para acceder ao traballo no mar, pronunciará a conferencia Aspectos de traballo marítimo: actividade da ITF e normativa internacional, centrada no convenio sobre traballo marítimo, da actividade da ITF e na función inspectora.
O ciclo, que este ano cumpre dez anos, está impulsado pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo. “Destacaría ter involucrado excelentes profesionais relacionados con estes sectores, que xa teñen participado neste ciclo”, subliñou o decano da Facultade, Francisco Torres, coordinador do ciclo xunto á docente Mª del Carmen Costas. “Trátase, en todos os supostos, de persoas firmemente convencidas da utilidade dunha formación universitaria pública de calidade e coa necesaria imbricación e transferencia de coñecemento entre empresa e Universidade”, recalcou Torres.
As actividades desenvólvense baixo a modalidade de docencia mixta, combinando a presencialidade na aula B1 da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo, con capacidade limitada a 18 postos, nos que terán prioridade o alumnado da materia de Dereito marítimo, e a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo –sala de xuntas1-. O ciclo é aberto e gratuíto. A clave de acceso debe solicitarse a algún dos coordinadores: ftorres@uvigo.es ou carmencostas@uvigo.es.
Actividades nos meses de marzo, abril e maio
Diferentes profesionais relacionados co sector marítimo-portuario participarán ao longo destes tres meses. A seguinte cita será o 23 de marzo co taller Operativa de consignación de buques, que impartirá Roi Gómez, xerente de adquisicións do grupo Kaleido Logistics. A seguir, no mes de abril, o día 13, participará Antonio Quirós, avogado especialista en Dereito Marítimo, integrante do despacho Avante Legal. E o día 27, Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo SA.
O programa incorpora unha xornada específica centrada en certos aspectos xurídicos da navegación e o uso dos denominados buques autónomos, bautizada como II Xornada de innovación no sector marítimo: dereito e buques autónomos. Será o 10 de maio e contará coa participación do profesor titular de Dereito Mercantil da Universidade do País Vasco, José Manuel Martín Osante, e as avogadas Beatriz Huarte Melgar, especialista en Dereito marítimo e pesqueiro, da firma de avogados e economistas Lener, e María Vidal, directora da oficina de Londres de Atlantic Insurance & Reinsurance brokers, provedor de seguros especializado no sector marítimo, transporte e enerxía.