Colaboracións e patrocinios

Semana da Creatividade e da Innovación e primeiros Premios Crea coa colaboración do Consello Social

2021-04-19T11:56:58+00:0015 de Abril de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Do 19 ao 23 de abril celébrase en Pontevedra a Semana da Creatividade e da Innovación, evento promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra xunto co Consello Social. A saúde, a sustentabilidade e o deporte serán os eixes sobre os que xirarán as actividades, un ciclo de conferencias centradas na economía ecolóxica, a alimentación saudable e a fisioterapia oncolóxica, xunto cunha exposición ao redor dos Xogos Olímpicos.

A iniciativa busca servir “como celebración da nosa identidade como campus”, segundo salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, 21 de abril, o campus acolle cada ano unha serie de actividades que buscan pór de relevo “o que nos define como Campus Crea e a importancia que a creatividade e innovación teñen para o desenvolvemento da sociedade”.

Este é evento que “ten como principal obxectivo o alumnado” e dadas as limitacións que en materia de reunións implica a COVID-19, optouse por unha proposta de actividades “sinxela, pero interesante, xa que consideramos que se trata dunha celebración coa que era importante continuar”. As conferencias poderán seguirse de xeito telemático no Campus Remoto, empregando o acceso para alumnado e o contrasinal Ky8fRT.

Aquí podes descargar o folleto das actividades (PDF, 1.1 MB):
Programa da Semana da Creatividade e da Innovación

Primeira edición dos Premios Crea

O galardón que está promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e mais o Consello Social, recoñecerá as obras de autoría conxunta de dous ou máis estudantes de diferentes ámbitos. As propostas poderán presentarse ata o 18 de xuño e, como recolle a resolución reitoral pola que se convoca esta primeira edición, están abertos á participación de todo o alumnado da UVigo, aínda que, co obxectivo de “potenciar o Campus Crea”, explicou Souto.

Pór en valor o feito fundamental da innovación que xorde das novas ideas, saíndo dos percorridos predeterminados, procurando acadar novos produtos e producións orixinais constitúe un dos obxectivos dos Premios Crea-Creatividade e Innovación. Estes galardóns buscan recoñecer obras de carácter interdisciplinar, creadas por alumnado de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra. “É algo totalmente aberto a todo tipo de exploracións, non queríamos poñer límites”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, duns premios que se convocan por primeira vez no marco da colaboración entre a Vicerreitoría e o Consello Social e nos que se outorgarán tres premios, cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros.

Segundo recolle a convocatoria, entre a documentación que deberán entregar as e os participantes deberá figurar, ademais da descrición da obra, unha memoria explicativa do proxecto “que permita coñecer a cooperación entre as diferentes disciplinas implicadas”. Do mesmo xeito, deberá presentarse tamén a propia obra, de ser posible. A orixinalidade da peza, a súa “transmisión e aplicabilidade para achegar resolucións ou respostas a problemas, necesidades e demandas sociais da nosa comunidade” e o feito de que esta reflicta “o traballo cooperativo das áreas de coñecemento implicadas” serán os criterios que o xurado avaliará de cara á concesión dos tres premios. Tamén está previsto que as obras seleccionadas se expoñan en  diferentes centros do campus, tras a celebración do acto de entrega de premios previsto para setembro.