O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión o luns 20 de xuño por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda e contou coa presenza do Presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, os doce integrantes do novo equipo do goberno xuraron os seus cargos: No acto, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade, referíndose, neste sentido, ao papel “paradigmático da UVigo como motor conectado á contorna”, ao tempo que lembrou a implicación de Manuel Reigosa na creación e no desenvolvemento da institución académica viguesa, referíndose a el como un interlocutor “esixente e dialogante”.
Para o falecido vicerreitor Manuel Ramos, foron as primeiras palabras que pronunciou o reitor e que antecederon un discurso no que lembrou como xurdiu H2040, a formación que representa, os logros acadados nos seus primeiros catro anos de goberno, “intensos e marcados pola pandemia”, e os obxectivos xerais para os vindeiros catro, un período no que, tal e como explicou, a institución tratará de facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, “cada vez máis necesario”, incorporar alumnado doutras latitudes.
A toma de posesión de Reigosa contou coa presenza do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e do de Santiago de Compostela, Antonio López, así como do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Estiveron acompañados desde o público por numerosas autoridades, desde exreitores como Luis Espada ou Alberto Gago, ata o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do RC Celta de Vigo, Carlos Mouriño; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os delegados da Xunta en Vigo e Ourense, Marta Fernández Tapias e Gabriel Alén; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, ou o delegado do goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades.
Abaixo, o vídeo da toma de posesión.