Preto de medio cento de representantes de estudantes de 15 universidades de todo o territorio español participan en dependencias da Universidade de Vigo no LXVII congreso da AERAAITI, a Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Enxeñaría de Ámbito Industrial, entidade que representa a 100.000 estudantes e na que se traballa por seguir mellorando os estudos de enxeñaría. O encontro, organizado pola Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñería Industrial, celebrase do 2 ao 6 de novembro na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial e no edificio Redeiras, no Berbés. A cita conta coa colaboración do Consello Social.
“Serán uns actos abertos a todos os estudantes nos que se combinará debate, formación e conexión co tecido industrial vigués”, explica Antonio Ramos, presidente da Delegación de Alumnado da EEI e principal responsable do comité organizador, que explica que foi o pasado mes de marzo cando, aproveitando o alto grao de implicación e participación do alumnado vigués na asociación, tomaron a decisión de presentar a UVigo como sede para albergar o congreso anual de 2022. “Previamente xa recibiramos o apoio da dirección da escola e do equipo reitoral e estes apoios, sumados á fortaleza da nosa proposta, permitiunos saír elixidos sede desta cita”, explica o alumno.
Esta xuntanza na cidade de Vigo coincide co 40 aniversario da creación desta asociación, “corenta anos nos que esta delegación, como un dos membros fundadores, tivo sempre unha grande actividade”, salienta Ramos, quen lembra que a última vez que se celebrou un encontro deste tipo na UVigo foi no ano 2011, en plena implantación do Plan Boloña.
O encontro inaugúrase o mércores 2, pola tarde. No acto coincidirán o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o alcalde, Abel Caballero; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o presidente do Consejo General de la Ingeniería Técnica Industrial, Cogiti, José Antonio Galdón.
Catro días de formación, debate e conexión co tecido empresarial
Nesta ocasión o congreso combina unha parte formativa, incluíndo neste apartado unha mesa redonda sobre transición enerxética, na que se conta coa participación de representantes do INEGA, Repsol, Iberdrola e a propia UVigo, con diferentes visitas a empresas locais, entre elas GKN Driveline. Ademais realizaranse tamén visitas aos laboratorios da propia escola e do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais. “A maiores organizamos tamén unha visita nocturna ao Porto de Vigo guiada por un dos docentes da escola, un tour no que se amosará a forte relación do porto co sector industrial”, explica o responsable do comité organizador do congreso, que fai fincapé en que a maior parte das actividades están abertas a outros estudantes interesados.
O programa pecharase no edificio Redeiras coa celebración, venres e sábado, da Asemblea Xeral, o acto de maior transcendencia dentro de toda a programación e na que, entre outras cuestións, se procederá á renovación das comisións e dos cargos que procedan da Xunta de Goberno.
Podes consultar os vídeos das sesións, grabados por UVigoTV no seguinte botón