A G-Night 2025 volveu levar ás rúas e prazas de Galicia a ciencia e a creatividade para celebrar e encher de luz a Noite das Persoas Investigadoras. Esta iniciativa, que chega á súa quinta edición, desenvolveuse de xeito simultáneo en todo o planeta para sacar a investigación dos laboratorios e achegala á cidadanía, de xeito que tanto a cativada como as persoas adultas poidan coñecer, dun xeito lúdico, entretido e sobre todo interactivo, o impacto real que a actividade científica e tecnolóxica ten na sociedade.
En Galicia a programación implicou a máis dunha ducia de institucións baixo a coordinación da Universidade de Vigo e comprendeu arredor de 200 propostas espalladas por rúas, museos, organismos de I+D e bares das sete principais cidades de Galicia durante a tarde e a noite do venres 26 de setembro. Ademais da UVigo, na G-Night en Galicia están implicadas as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (Iegps, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o Inibic, IDIS, CITMAga, Cesga e Ecobas. G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través de Gain, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O Consello Social tamén colaborou co evento.
A noite da ciencia en Vigo…
Onde máis se evidenciou o vínculo entre ciencia e cidadanía foi en Vigo. A praza do Berbés e o edificio Redeiras foron o epicentro da G-Night coa celebración da tradicional feira científica, nesta ocasión cunha trintena de obradoiros para todas as idades. O fío condutor da xornada foi a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, baixo o lema Conciencias creativas.
A partir das 5 da tarde foron moitas as familias que se achegaron a esta zona da cidade para coñecer, dun xeito interactivo, lúdico e próximo, diferentes liñas de traballo que desenvolven os grupos de investigación. Foi o persoal investigador o encargado de guiar os obradoiros, as charlas e os experimentos pensados para público de todas as idades. Entre outras temáticas, púidose coñecer a evolución molecular dos virus, o comportamento dos materiais, diferentes aspectos relacionados co cambio climático ou coa investigación aeroespacial, etc. Tamén se traballou sobre subprodutos agroalimentarios a base de insectos, cosmética natural, a robótica, os ecosistemas das praias e dos ríos, as múltiples aplicacións da intelixencia artificial, os microplásticos ou os novos materiais.
Todas estas actividades na cidade olívica contaron co apoio do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia e co financiamento do Consello Social.
… e en Ourense e Pontevedra

Obradoiro de escrituras antigas no campus de Ourense
No campus de Ourense a G-Night 2025 contou con dúas actividades. A primeira foi a celebración na Facultade de Historia de tres obradoiros sobre linguas da Antigüidade. As persoas inscritas puxéronse na pel de escribas exipcios, micénicos e romanos e realizaron escritura sobre papiro e ofrendas aos deuses sobre pequenas táboas de arxila. A segunda actividade foi Ciencia no bar: un museo virtual para reflexionar sobre a xustiza social e tivo lugar no Café & Pop Torgal. A través de imaxes conectadas con conceptos, o público traballou co persoal investigador a comprensión crítica e o diálogo arredor de valores como a igualdade, a diversidade e a loita contra a discriminación.
O campus de Pontevedra tamén se sumou a esta edición da G-Night e fíxoo coa figura de Castelao como protagonista da tarde deste venres. Unha camiñada promovida coa colaboración do Concello, levou a máis dunha vintena de persoas a percorrer diferentes lugares da cidade que tiveron algunha significación na vida e na obra de Castelao. O roteiro completouse no Museo de Pontevedra cun relatorio sobre a obra gráfica de Castelao e a representación da explotación animal na súa obra. A programación da G-Night na cidade continuou cun escape room organizado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), unha actividade que combinou coñecemento científico e xogo colaborativo e que permitiu afondar nos efectos do cambio climático a través dunha serie de enigmas.