Actos do presidente

O Consello colabora co “I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade”

2025-09-22T12:16:02+00:0022 de Setembro de 2025|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

O congreso combinou a presencia dun centenar de investigadores e o seguimento virtual de arredor de 400 persoas inscritas de doce países. Trátase dun foro con cinco áreas temáticas, promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora, da Universidade de Vigo. Sostibilidade social e ambiental, convivencia e resolución de conflitos, equidade e non discriminación, patrimonio material e inmaterial e benestar e saúde son os cinco eixes dun foro que reuniu no seu programa 20 simposios, cinco conferencias plenarias, sete mesas de expertos, sete sesións aplicadas e a presentación, nunha vintena de mesas, de máis de 120 comunicacións.

Coas catedráticas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña e Margarita Pino como presidentas do seu comité organizador, este congreso internacional xuntou persoal investigador de España, Portugal, Brasil, México, Guatemala, Cuba, Romanía, Bélxica, Colombia, Arxentina, Alemaña e Estados Unidos. A inciativa contou co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra e Consello Social da UVigo.

“Se a educación transformadora persegue xerar cambios nas persoas e na sociedade para mellorar o mundo, oxalá este congreso nos faga reflexionar o que podemos achegar a esta transformación”, salientou Fariña no acto de apertura. O congreso, lembrou, xorde do “compromiso asumido” coa concesión da Cátedra Unesco de promover “un evento que promovese a participación da comunidade universitaria e de profesionais de países en vías de desenvolvemento, que contaron con matrícula gratuíta. Nese senso, destacou que os resultados acadados en materia de participación “permítennos estar moi satisfeitos”.

Na apertura tamén interviñeron o reitor da UVigo, o alcalde de Pontevedra, a directora da EE Forestal e o secretario xeral de Emprego e Emprendemento da Xunta de Galicia. Pola súa parte,  o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, salientou a importancia deste foro á hora de “afondar en materias que nos leven ao fortalecemento da cooperación internacional entre investigadores, alumnado e organizacións comprometidas cunha educación transformadora”.

Para máis información sobre o I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade facer clic neste botón

I CONGRESO INTERNACIONAL DE EDUCACIÓN TRANSFORMADORA