Discursos do presidente

Informe oral do Presidente do Consello ao Pleno do 25 de novembro de 2025

2025-12-04T11:03:26+00:004 de Decembro de 2025|Discursos do presidente|

Bo día,

puidemos vir, por fin, á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), a principal infraestrutura de investigación mariña da UVigo, única a nivel mundial para investigar en acuicultura, sobre efectos do cambio climático no medio mariño ou desenvolver novas solucións biotecnológicas de orixe mariña. E hai dous aspectos que quero destacar:

  • Ofrece instalacións de vangarda fronte ao mar e servizos científicos/técnicos especializados a calquera entidade pública ou privada interesada na investigación mariña e
  • Esfórzase por dar a coñecer á sociedade os logros e resultados das investigacións que realizan e promover o interese pola ciencia. Co impacto social como obxectivo. Como CS valorámolo especialmente.

Pedímoslle ao director da Estación unha breve explicación das capacidades e obxectivos destas instalacións, que nun futuro non afastado podería ser trasladada á ETEA, a eses terreos e edificios solicitados pola UVigo á Xunta, e nos que se sumaría ao futuro Campus científico-tecnolóxico do mar.

Excepcionalmente abrimos esta sesión cos asuntos económicos, por motivos de axenda do presidente da Comisión Económica. Por isto mesmo tratarei de ser breve. Agradezo ao Reitor e aos presentadores do Observatorio que acepten levar os seus puntos ao final do pleno.

Quero lembrar que as competencias do CS en materia económica constitúen un dos alicerces esenciais do seu papel na gobernanza universitaria. Abonda ver o artigo 47 da LOSU. O Consello Social non xestiona os recursos directamente, pero si ten unha función de control estratéxico e fiscalización. A través da análise dos orzamentos e as contas, debe garantir que a universidade actúe con criterios de sustentabilidade financeira, coherencia coa súa planificación estratéxica, eficiencia no uso dos recursos públicos e transparencia ante a sociedade.

Na práctica, moitos Consellos Sociais das universidades articulan esta competencia mediante a creación dunha comisión económica ou de asuntos financeiros. Esta comisión, coa colaboración de profesionais cualificados, analiza con maior profundidade a documentación contable antes da súa elevación ao Pleno. Ese é o noso caso.

E tamén é o noso caso que, para exercer eficazmente esta competencia, é recomendable que o Consello Social conte con apoio técnico especializado e que estruture o seu traballo ao redor dunha comisión económica ou orzamentaria, que poida analizar con maior profundidade os documentos e facilitar ao Pleno unha proposta fundamentada.

Unha boa práctica é que o Consello Social manteña un diálogo construtivo co equipo reitoral e a xerencia, de modo que as súas observacións poidan ser consideradas con antelación. Esta interlocución contribúe a reforzar a cultura institucional da planificación económica participada e responsable.

O CS trata de exercer estas competencias desde unha visión de conxunto, velando pola responsabilidade institucional, o interese público e a rendición de contas ante a sociedade.

Esta responsabilidade non implica unha función de xestión económica directa, que corresponde aos órganos de goberno unipersoais, pero si outorga ao Consello Social un papel crítico de control estratéxico e fiscalización.

Por iso creo e destaco que o CS e máis concretamente a comisión económica tratan de cumprir de forma leal e xenerosa con este obxectivo. Gustaríame que a interlocución correspondese do mesmo xeito. Sen máis demoras que as necesarias e sen máis obstáculos que os inevitables. E por suposto sen sospeitas, e sen que haxa sempre máis preguntas que respostas.  Porque imos xuntos. Por iso, gustaríame que na exposición que fará o presidente da comisión houbese máis concrecións e menos dilacións. Máis solucións de presente e menos boas intencións que se manteñen anos. Pido que tratemos de avanzar na confianza e restar nos prazos, esixirnos nas preguntas e mellorar nas respostas. Poñamos de ambas as partes.

Porque constitúe unha obrigación ineludible para o CS implicarse directamente no seguimento e exame do cumprimento das observacións e recomendacións que realicen os órganos ou entidades externas de control, así como no das actuacións que a universidade leve a cabo para paliar as deficiencias que poñan de manifesto os informes.

Quizá entón sería conveniente establecer a presentación periódica ao CS (mellor á comisión) dun informe de seguimento das recomendacións realizadas polos órganos de control, sen necesidade de ter que pedilo unha e outra vez.

Grazas, Juan Manuel e demais membros da comisión polo seu rigoroso traballo, o seu nivel de implicación e polo perseverante seguimento dos asuntos, ás veces durante anos. A comisión cumpre extraordinariamente o seu labor. Espero que á universidade lle sexa útil e saiba aproveitalo.

Telegráficamente quero comunicarlles:

– A posición da UVigo como primeira de España no ranking de transparencia DYNTRA.

– Que o Parlamento nos comunicou a súa intención de designar novos representantes no CS en lugar dos que cumpriron o segundo mandato.

– Que o acordo sobre Medicina (do que nos informará o Reitor no seu informe) se sustenta sobre o compromiso de non autorizar ningunha outra iniciativa que pretenda a mesma titulación en Galicia.

E remato cun recordo a Marisol Novoa, que foi membro deste Consello Social en representación da CEO, falecida o pasado 13 de agosto, e que nos deixou un profundo pesar. A súa entrega e complicidade con este Consello Social acompañaranos e axudaranos a preservar a súa memoria.

Axudaranos a presenza do seu substituto, outro Novoa, Luís Novoa Fernández, ao que damos hoxe a benvida e facemos partícipe do legado da súa predecesora.