O martes 12 de xaneiro presentouse en Compostela o informe da Proposta de Novas Titulacións para o Sistema Universitario Galego (SUG) no que queda establecida a idea de que “a excelencia e a especialización revelaranse como unha importante divisa para o posicionamento das universidades”. No evento participou o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa.
O documento é o resultado dun traballo planificado en fases. Na primeira das mesmas participaron máis de 80 expertos para elaborar un primeiro catálogo de perfís profesionais, no que se identificaron 30 roles que demandarán as empresas no medio prazo; e a segunda está constituida polas conclusións presentadas, na que se estudaron os coñecementos xa cubertos polo sistema universitario e os baleiros formativos detectados.
O proxecto que forma parte da iniciativa ‘Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias’, pretende introducir quince novos mestrados nas universidades galegas co obxectivo de axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década, en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, o vehículo autónomo ou a intelixencia artificial.
No acto estiveron presentes diversas personalidades do mundo empresarial, os reitores das universidades, o director de FEUGA, o conselleiro de Educación, o presidente de Galicia –Alberto Feijóo– e Ernesto Pedrosa, que na súa intervención segurou que “as conclusións do estudo pioneiro e valente que se nos presenta hoxe, son reflexións que se xogan no campo de acción dos Consellos Sociais, porque a misión de achegar a empresas e universidades está na medula dos Consellos, e o alumnado no centro de todas as operacións”.
Podes ler o discurso completo nesta ligazón:
Intervención de Ernesto Pedrosa na presentación da Proposta de novas titulacións para o SUG.