Actos do presidente

Preséntase a exposición Eu son UVigo! que conta co apoio do Consello Social

2021-05-23T21:14:17+00:0021 de Maio de 2021|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

O venres 21 de maio a Universidade de Vigo inaugurouse a mostra Eu son UVigo! É unha exposición de promoción institucional co obxectivo de dar a coñecer a potenciais estudantes da UVigo perfís de persoas que despois de estudaren na Universidade acadaron recoñecemento profesional.

O acto de inauguración celebrouse no IES San Tomé de Freixeiro de Vigo –ainda que a mesma expo tamén se pode visitar no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense–. As dúas mostras percorrerán simultaneamente o país, de xeito itinerante, amosándose en centros de secundaria, culturais e sociais, para difundir a imaxe a UVigo como centro que prepara para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento.

O reitor, Manuel Reigosa, destacou na presentación a idea de que “o sistema universitario galego é moi bo, a nosa universidade está recoñecida en moitos ránkings como unha das mellores do mundo e polo tanto, creo que temos a posibilidade de aproveitar ese esforzo e talento das rapazas e rapaces galegos que nos poden levar a un futuro mellor”.

A mostra no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense. Na imaxe superior fotografía das persoas que realizaron a presentación da expo en Vigo.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa incidíu no labor que as universidades deben facer ao recibir ao alumando e tamén cando este remata os seus estudos “hai dúas situacións nas que os Consellos Sociais das universidades debemos estar presentes. Presentes e atentos. Cos estudantes que chegan á universidade, e cos estudantes que terminan a súa formación na universidade. En ambos os casos tentamos intervir como facilitadores do seu seguinte paso, como acompañantes activos ou como factores de acomodación á súa nova situación”. Facendo clic na ligazón podes ler o discurso completo.

A vicerreitora Natalia Caparrini foi encargada de destacar os obxectivos da mostra que persegue, dixo, “amosar o talento que sae da Universidade de Vigo, así como o que a universidade pode chegar a facer”, a través de 17 que reflicten nas súas caras a traxectoria profesional e persoal doutras tantas persoas egresadas.

Mentres, María Rocío Sio directora do IES San Tomé de Freixeiro sinalou que os cubos representan a culminación dunha traxectoria, ao tempo que asegurou que “é un bo momento para facer un punto inflexión na cultura do esforzo a para poñer en valor á Universidade de Vigo que é unha grande universidade e susténtase co esforzo de moitos profesionais”.

A escritora Ledicia Costas, o actor David Amor, os enxeñeiros Diego Nodar e Bibiana Rodiño ou a bióloga Alba Aguión son algunhas das caras que conforman a mostra Eu son UVigo! que conta coa colaboración do Consello Social.

Logo da súa inauguración en Vigo e Ourense, a exposición poderá visitarse a semana seguinte no IES Eusebio da Guarda en A Coruña e no IES Lucus Augusti en Lugo.