Actos do presidente

Coa colaboración do Consello Social, Minas inaugura aula destinada á divulgación tecnocientífica

2022-12-02T11:45:06+00:002 de Decembro de 2022|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

O mércores 30 de novembro inaugurouse  a Aula aberta á TecnoCiencia na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME), que se converte no primeiro espazo dedicado especificamente á divulgación científico técnica dentro da Universidade de Vigo.

Estudantado de ESO, Bacharelato e FP, alumnado do Programa de Maiores e público en xeral son os destinatarios da Aula, que contará para a realización das súas actividades co apoio económico do Consello Social da UVigo. A Aula conta co equipamento preciso para a realización de actividades manipulativas e cun equipo de 13 investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía que axudarán ás persoas que a visiten a comprender os principios de determinados procesos de tipo científico e tecnolóxico, que están relacionados cos ámbitos de traballo das titulacións que se imparten no centro.

Pedrosa intervén no acto de inauguración da Aula

Na inauguración do espazo, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, amosou a súa satisfacción por colaborar coa Aula aberta á TecnoCiencia, ao tempo que incidiu na importancia “do saber como a competencia que máis cotiza”. Pedrosa destacou o valor dunha iniciativa dirixida ao alumnado e á cidadanía e felicitou ás e aos seus promotores porque “para aprender a mellor maneira é facéndoo”, dixo.

Para ler o texto de Ernesto Pedrosa na inauguración da Aula Aberta á Tecno-ciencia. fai clic no seguinte botón

IR AO DISCURSO DO PRESIDENTE