O estudantado dos mestrados profesionalizantes da Universidade de Vigo consideran que van ter os coñecementos e as habilidades necesarias para traballar ata a idade de xubilación. Son parte das conclusións reflectidas no libro Barómetro de empregabilidade sostible da Universidade de Vigo, elaborado polas profesoras Mª Jesús López-Miguens e Gloria Caballero e editado polo Consello Social que amosan como ven estes estudantes as súas futuras competencias profesionais: desde rendemento no traballo, ata factores relacionados co compañeirismo e a motivación.
“A empregabilidade sostible é a capacidade de manter o valor dos traballadores como empregables ao longo de toda a súa vida laboral. Isto engade, respecto a a empregabilidade entendida desde un punto de vista tradicional, outros moitos factores”, apuntan as autoras da obra. Estes outros factores divídense, ao seu modo de ver, en dous grandes grupos: o primeiro, considera os factores de carácter persoal do estudante e inclúen a saúde, a fatiga, as competencias, a formación e a capacidade de resiliencia; o segundo, os factores que xorden da relación do estudante cun traballo e inclúen a capacidade de traballo, o rendemento, o compañeirismo, a motivación, a satisfacción, a necesidade de recuperación, o esgotamento, a influencia da situación persoal no traballo, a promoción no traballo do estilo de vida e do desenvolvemento persoal, así como o absentismo.
Mostra composta por estudantes de 33 mestrados
Para a posta en marcha do estudo utilizouse unha mostra de 202 estudantes matriculados nalgún dos 33 mestrados profesionalizantes que ofreceu a Universidade de Vigo nos tres campus durante o curso 2021/2022. “Os datos foron recollidos entre o 3 de xuño e o 20 de setembro de 2022”, salientan as autoras, ao que engaden que a mostra compúxose por un 59,90% de mulleres e un 40,10% de homes. De acordo á idade, a maioría non alcanzaban os 31 anos (o 57,42%); o 15,35% sitúanse entre 31 e 35 anos, e o resto (o 27,23%) supera os 35 anos. “O 23,76% dedícanse dun modo exclusivo aos seus estudos de máster mentres que o resto compatibilízaos cun traballo”, subliñan as docentes. “De acordo ao campus ao que se adscribe o máster, o 64,85% dos estudantes pertencen ao campus de Vigo, o 22,28% ao de Ourense e o 12,87% ao de Pontevedra”. En relación á empresa que valoran, a maioría inclúese no sector terciario (o 55,44%), seguido do secundario (o 32,18%) e do primario (o 12,38%).
Empregabilidade sostible fronte á tradicional
Segundo a enquisa realizada, os estudantes valoran a empregabilidade sostible cunha puntuación xeral media de 3,99 sobre 5 puntos. A análise en detalle mostra que estas alumnas e alumnos consideran que as condicións que máis pensan que van ter ata a idade de xubilación, de media, son a de posuír coñecementos e habilidades e a de seguir realizando ben o traballo actual que posúen ata ese momento (ambas as con 4,27 puntos). Séguelle a consideración de que se manterán fisicamente ben ata a xubilación (4,18 puntos) e que estarán motivados no traballo ata ese momento (3,69 puntos). Por último, ofrecen unha menor puntuación ao valorar o interese por seguir traballando ata a idade da xubilación (3,61 puntos).
Con respecto á empregabilidade tradicional o estudo amosa que é valorada por estes estudantes cunha puntuación media de 3,41 sobre 5 puntos. A análise das afirmacións sobre esta empregabilidade mostra que a que máis valoran é a seguridade que teñen de atopar traballo facilmente se empezan a buscar (3,53 puntos) e o convencemento de poder manter un traballo (3,51 puntos). Séguelle a posibilidade de atopar un traballo de inmediato de igual valor ao que teñen en caso de quedar sen o que teñen (3,32 puntos). E, por último, a menos valorada, é a posibilidade de atopar un traballo de inmediato de igual valor en caso de non estar contentos co que posúan (3,25 puntos).