Actos do presidente

O Consello Social presenta o “Estudo do impacto económico da actividade da UVigo 2021”

2023-10-23T09:10:27+00:0023 de Outubro de 2023|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

A actividade propia da Universidade de Vigo supón 103,6 millóns de euros de produción (output), 76,9 millóns de euros de renda (valor engadido bruto) e xera 2994 empregos directos. Como consecuencia a UVigo representa o 0,59% do PIB e o 0,858% do emprego total de Galicia, cifras todas elas referidas ao ano 2021. Estes son algúns dos datos que se recollen no Estudo do impacto económico da actividade da UVigo presentado o venres 20 de outubro polos profesores Andrés Mazaira, Isabel Diéguez e Ana Gueimonde, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa –editor do estudo– e  mais polo reitor.

O estudo busca poñer cifras ao impacto económico da Universidade de Vigo en Galicia e, de xeito máis específico, nas provincias de Ourense e Pontevedra, onde se localizan os tres campus. Os autores identifican output, renda e emprego que se xeran, cuantifican o poder de atracción que exerce a institución e identifican os sectores económicos mais favorecidos pola súa actividade económica. Ademais, cuantifican o impacto económico a través da creación de capital humano e do impacto na ocupación e o emprego, analizan a balanza fiscal e as achegas ás contas da seguridade social, determinan a incidencia das actividades de creación e transferencia de coñecemento da UVigo e a eficacia e eficiencia do investimento económico que fai a sociedade na institución académica. Para isto, o estudo estrutúrase en dúas partes: o impacto económico a curto prazo e o impacto de económico a longo prazo.

No acto de presentación das conclusións deste informe para o ano 2021, Ernesto Pedrosa, destacou que “dende a súa orixe, existe un amplo consenso sobre o papel fundamental e o compromiso que lles corresponde ás universidades co territorio e coa sociedade na que se insiren, fundamentalmente a través da súa produción docente, de investigación, de transferencia de coñecemento e de xeración de valores”. Pero tamén considera necesario cuantificar esa implicación e influencia dos sistemas universitarios no desenvolvemento económico e social e intensificar os procesos de rendición de contas e é neste contexto no que se enmarca este estudo, o primeiro deste tipo que se realiza no sistema universitario galego. O reitor agradeceu o traballo realizado polos profesores Mazaira, Diéguez e Gueimonde e o apoio do Consello Social para levar adiante un “estudo pioneiro en Galicia”.

Impacto a curto prazo

O impacto económico de curto prazo da actividade universitaria xurde principalmente dos incrementos da demanda como consecuencia dos gastos asociados, directa e indirectamente, ás actividades desenvolvidas. A análise evidencia que a UVigo, considerando os diversos axentes de gasto asociados que xeran demanda (a propia institución, estudantes, visitantes e asistentes a eventos e congresos), compórtase como un sector cun importante impacto na economía de Galicia, aínda mais relevante nas provincias de Ourense e Pontevedra. O 98,67%, 98,88% e 99,1% do global de orzamento liquidado da Universidade de Vigo nos anos 2019, 2020 e 2021 xera impacto económico.

No seu conxunto, como explicaba a profesora Diéguez na presentación, o gasto total realizado polos axentes relacionados coa actividade da UVigo supón no 2021 unha inxección de demanda en Galicia de 263 millóns de euros anuais. A actividade propia supón 103,6 millóns de euros de output, 76,9 millóns de euros de renda e 2994 empregos. O impacto conxunto (directo, indirecto e inducido) da actividade asociada á institución sobre a produción e a renda de Galicia estímase, respectivamente, en 527 e 296,1 millóns de euros adicionais. En termos de emprego, o impacto ascende a 6365 empregos anuais adicionais.

O impacto total a curto prazo da actividade da institución académica na economía galega, considerando tanto o gasto propio como o dos axentes vinculados á actividade universitaria, cuantifícase en 630,7 millóns de euros de impacto sobre produción; 373 millóns de euros de impacto sobre renda e 9359 empregos no que se refire ao impacto sobre ocupación. No conxunto de Galicia os sectores económicos aos que máis impacta a actividade da UVigo en termos de VEB (Valor Engadido Bruto) e emprego son os de actividades inmobiliarias e servizos empresariais, hostalaría, transporte, almacenamento e comunicación, educación, servicios persoais e fabricación e conservación de alimentos.

En canto á eficiencia do orzamento da Universidade, “presenta uns claros efectos multiplicadores que se reproducen no caso do gasto, xa que mais do 99% do orzamento ten impacto”. Este impacto evidénciase en que “por cada euro de orzamento da Universidade de Vigo, xéranse en Galicia 3,46 euros de output; por cada millón de euros de orzamento de gasto da Universidade de Vigo, xéranse 51 empregos en Galicia; por cada emprego directo, créanse 3,1 empregos indirectos; e por cada euro de orzamento da Universidade de Vigo, xérase un efecto renda ou VEB de 2,06 euros”. Reforza a elevada repercusión da Universidade de Vigo na economía de Galicia o feito de que en 2021 “o impacto económico estimado representa o 0,59% do PIB e o 0,858% do emprego total de Galicia”.

Impacto a longo prazo

O impacto das universidades vai, como se recolle no estudo, máis alá dos efectos directos sobre os ingresos, a actividade e o emprego, xa que proporcionan un significativo valor económico e social a medio e longo prazo naqueles territorios onde desenvolve a súa actividade, tanto a través da súa docencia como das súas tarefas de I+D+i, e mesmo tamén das actividades formativas non regradas e culturais. Estes son algúns dos aspectos que se analizan na segunda parte do informe presentado hoxe, no que se destaca que das aulas da UVigo saíron case 100.000 egresados e egresadas, que representan o 33% das persoas con educación superior entre 20 e 29 anos nas dúas provincias do sur e o 16% do total de Galicia. O informe tamén recalca que a UVigo destaca polo seu peso na formación en titulacións de carácter tecnolóxico, ámbito onde as persoas egresadas da UVigo supoñen a metade do total do conxunto de Galicia.

Por outra banda, o estudo tamén abrangue o  valor económico do capital humano achegado pola UVigo, entendido como o incremento das rendas que o alumnado podería ter ao longo da vida como consecuencia directa de ter estudado na Universidade. Os datos, explican os autores “permítenos ser conscientes da relevancia da formación achegada pola Universidade, oscilando a contribución media da UVigo a cada egresado ou egresada, na totalidade da súa vida laboral, entre 732,2 mil euros e 736,4 mil euros, segundo traballen en Galicia ou en España, respectivamente”. Atendendo aos ingresos recibidos pola UVigo para a formación (arredor dos 127,083 millóns de euros), o factor multiplicador deste investimento, entendido como a relación entre o valor do capital xerado pola Universidade a través do seus graos, e os ingresos recibidos, fai que cada euro se converta en 15€ en capital humano.

O valor económico total do capital humano achegado á sociedade pola Universidade de Vigo no curso 2020-2021 supón 1850,5 millóns de euros, “dos que 1616,2 millóns sería a contribución da nosa Universidade ao capital humano de Galicia nese curso académico”. Deste total, 874 millóns de euros son xerados no campus de Vigo, o 47% do total, 494,5 millóns no campus de Ourense, o 27%m e 482 no campus de Pontevedra, o 26% Estas cifras, destacan os autores, “supoñen arredor do 7,2% do conxunto do PIB das provincias de Ourense e Pontevedra do ano 2020 e ao 3,2% do PIB de Galicia”.

Simultaneamente, a actividade da UVigo impacta positivamente no aumento da recadación fiscal, tanto dun xeito directo como indirecto. O efecto positivo na recadación fiscal dos distintos impostos, no ano 2021, sitúase en 350,242 millóns de euros. A relación entre os fondos públicos recibidos pola Universidade de Vigo e a repercusión positiva da súa actividade nos ingresos públicos amosa, segundo o estudo, “unha balanza fiscal claramente favorable á UVigo, xa que fronte á contribución da institución aos ingresos fiscais no ano 2021, as transferencias correntes públicas recibidas nese exercicio situáronse 128,680 millóns de euros. Así, a Universidade de Vigo devolve á sociedade, soamente vía impostos, 2,72 euros por cada euro público que recibe en transferencias correntes de toda as administración e organismos públicos”. Ademais do incremento na recadación fiscal, a actividade da UVigo ten un efecto positivo tamén na recadación da Seguridade Social, cifrado no ano 2021 en 75,36 millóns de euros.

O informe tamén cuantifica o impacto a longo prazo da outra grande actividade da Universidade de Vigo, a relacionada coa I+D+i. Calculouse o stock de capital tecnolóxico creado pola Universidade de Vigo, no período 2003-2021 en 320 millóns de euros. Como resultados deste capital tecnolóxico, a suma dos recursos externos captados polos investigadores e investigadoras situouse no exercicio 2021 nos 28.545.417,13 euros, mentres que o importe do conxunto de cursos, contratos e informes de I+D realizados alcanzou a cantidade de 6.579.005 euros. Ademais existen 40 spin offs activas creadas no seo da institución que empregan a 360 traballadores, cunha facturación que supera os 16 millóns de euros e un total activos que se sitúa preto dos 20 millóns de euros. A UVigo comparte titularidade de 180 patentes españolas, solicitadas no período 2008-2021, o que representa o 32% da totalidade das do SUG, e un 2,6% das totais estatais.