Discursos do presidente

Palabras do presidente nas XXIX Xornadas de Filosofía do Grupo Aletheia

2025-10-24T09:51:32+00:0024 de Outubro de 2025|Discursos do presidente|

Sr. Presidente do Comité Executivo das XXIX Xornadas de Filosofía en Vigo, autoridades, queridos amigos e amigas, boa tarde.

Non me cabe a menor dúbida de que é unha boa noticia para a cidade de Vigo que se sigan celebrando estas Xornadas de Filosofía, organizadas polo grupo Aletheia, nacido no ano 1984, cando a idea da creación da Universidade de Vigo aínda non tomara forma.

Promover a reflexión filosófica levando o debate á rúa foi e, segue sendo, o obxectivo destas Xornadas, o que permitiu que por aquí pasasen os máis destacados filósofos, científicos, epistemólogos, neurocientíficos, lingüistas, economistas, historiadores, personalidades de renome nas diferentes especialidades do coñecemento cunha ampla bagaxe. Non son consciente que en calquera das 28 xornadas celebradas até a data non se debatesen asuntos de interese, tanto para a cidadanía como para os profesionais das diferentes ramas aquí programadas.

A XXIX edición que inauguramos hoxe, “Entre a Realidade e a Virtualidad: “Ética da Innovación (Biotecnoloxía, Neurociencia e Intelixencia Artificial)” é un claro exemplo de temática para debater con profundidade nunha contorna académica que, ademais, cumpre cun aspecto divulgativo dirixido a espertar o interese dunha cidadanía á que nada disto élle alleo, pois, o avance en Innovación é constante e rápido, tanto como os gobernos mostren interese, do mesmo xeito que a iniciativa privada, en desenvolver aspectos que nos colocan aos seres humanos no centro para poder tomar decisións importantes nas nosas vidas relacionadas coa saúde, coa intimidade do individuo nun momento onde a cesión dos nosos datos son a enerxía coa que se move o mundo.

O avance científico e tecnolóxico en Biotecnoloxía, Neurociencia e Intelixencia Artificial deberían desenvolverse baixo principios que promovan un equilibrio baseado no respecto cara aos valores do ser humano e a súa preservación, así como, manter perímetros de seguridade certificada en experimentos que afectan á saúde física e mental ou que choquen directamente, ou non, co benestar social. O mundo do dereito, do que procedo e no cal exerzo, debería ter un papel preponderante que servise para delimitar no lexislativo até onde se pode chegar naquela investigación que se atopa na fronteira do coñecemento, esa que usa as metodoloxías máis avanzadas co obxectivo de romper enfoques tradicionais para xerar descubrimentos e solucións novas.

O grupo Aletheia ten, como ben o seu nome indica, buscar a verdade. 

Non é un camiño fácil, máis cando se superan as etapas, a satisfacción polo traballo realizado é maior e empurra á procura doutros camiños nos que adentrase para satisfacer a sede de coñecemento, ao fin, este é o obxectivo da filosofía.

A colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo coas Xornadas, non é de agora, e sempre que se nos solicitou quixemos estar presentes, colaborando na medida das nosas posibilidades, coa organización que dirixe esta reunión científica de alto nivel e de suma importancia para Galicia.

Así, para xa finalizar, desexo agradecer ao grupo Aletheia, o traballo realizado por estes case, 30 anos, de esforzo, dedicación e entusiasmo para culminar un labor que permitiu que científicos de primeira orde compartisen connosco, o seu tempo e a súa sabedoría.

A todos, moitas grazas.