Co relatorio inaugural Videojuegos, juegos serios y gamificación en la enseñanza de segundas lenguas a cargo do doutor en Tradución e Interpretación pola Universitat de Alacant, José Ramón Calvo Ferrer, arrancou esta mañá a “I Conferencia internacional de investigación en linguas, CIIL 25”. O congreso inaugural do Instituto de investigación Lingua da UVigo está desenvolvéndose este xoves 20 e mañá venres 21 de novembro. No evento reúnese un destacado número de especialistas co obxectivo de acadar sinerxías, dar a coñecer os traballos que se están a desenvolver e asentar as redes do iLingua.
Linguaxe, linguas e lingüística en relación con áreas tan de actualidade como a creación de recursos, a neurociencia, a intelixencia aumenta e redes sociais centrarán as plenarias da Conferencia, na que tamén se abordan outras cuestións como a accesibilidade como dereito da cidadanía, oportunidades de investigación en humanidades dixitais ou linguas indíxenas e diversidade lingüística. Nela, 45 comunicacións de universidades españolas, de Colombia, Italia, Estados Unidos e Senegal sucederanse durante os dous días, na que tamén se presentan nove pósters e catro plenarias a cargo de Mercè Lorente Casafont (Universitat Pompeu Fabra), Vincent Renner (Universite Lumiére Lyon 2), Chelo Vargas Sierra (Universitat de Alacant) e Carmen Varo Varo (Universidad de Cádiz).
Comeza a andada pública do iLingua, catro anos despois
Persoal investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, unhas 38 persoas, impulsaron a posta en marcha de iLingua, o único Instituto de investigación do ámbito das Humanidades desta universidade, unha iniciativa que viu a luz no ano 2021 co obxectivo de promover e realizar investigación en lingüística de primeiro nivel. A día hoxe son moitas máis as investigadoras e investigadores adheridos ao Instituto, procedentes non só das áreas de filoloxía e a tradución, senón tamén da educación, socioloxía e psicoloxía.
Os obxectivos que xustificaron no seu día a posta do instituto foron aumentar a visibilidade científica e social dos grupos de investigación en linguas e lingüística, desenvolver proxectos conxuntos e sinerxías entre diferentes ámbitos e incrementar a captación de recursos humanos en convocatorias competitivas. E os seus principais labores céntranse nos ámbitos da lingüística interna; a variación lingüística e a sociedade; adquisición e multilingüismo; tradución, interpretación e accesibilidade; e lingua e literatura. O Consello Social co iLingua.