Colaboracións e patrocinios

Éxito dunha nova edición do Festival CinVigo, na que o medio ambiente copou os premios

2026-04-27T13:15:04+00:0027 de Abril de 2026|Colaboracións e patrocinios|

Tras o éxito acadado nas tres primeiras edicións, un ano máis, o festival científico CinVigo. Ciencia na rúa volveu encher as rúas cunha proposta renovada e ambiciosa. Organizado polo CINBIO, centro de investigación da Universidade de Vigo pertencente á Rede CIGUS, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e mais o Consello Social, o evento celebrouse na última fin de semana de abril.

Nesta cuarta edición, o festival trasladouse á contorna da ría, instalándose na avenida da Beiramar, nas inmediacións do monumento a Xulio Verne, co obxectivo de achegar aínda máis a ciencia á cidadanía nun espazo emblemático da cidade.

Festival para todas as idades

O evento volveu a converterse nun punto de encontro para persoas de todas as idades, ofrecendo unha ampla programación que acolleu experimentos, espectáculos, obradoiros infantís e sénior, proxectos científicos e unha xincana inclusiva. O obxectivo principal consistiu en achegar o coñecemento científico dun xeito accesible e adaptado, participativo e divertido, fomentando especialmente as vocacións científicas entre a mocidade.

A iniciativa naceu co propósito de consolidarse no tempo e cumprir cun dos principais compromisos do CINBIO: transferir coñecemento á sociedade e dar a coñecer o labor investigador desenvolvido na Universidade de Vigo no ámbito da biomedicina e os nanomateriais, conseguindo como resultado inmediato unha cifra récord na historia do evento, xa que se presentaron arredor de 70 proxectos de preto de 250 estudantes de secundaria e bacharelato procedentes de 34 centros educativos de toda Galicia.

Durante todo o sábado 25 e o domingo 26 pola mañá, o público visitou os postos nos que coñecer de primeira man os traballos da rapazada, que competían por distintos premios. Os proxectos foron avaliados por persoal investigador do CINBIO, aínda que tamén houbo votación popular aberta ás persoas asistentes.

Entre as novidades deste ano destacaron os obradoiros científicos dirixidos a persoas maiores de 65 anos, con 200 prazas. A iniciativa pretende achegar a cultura científica a un colectivo menos habitual neste tipo de actividades, mediante sesións prácticas centradas na ciencia da cosmética e o autocoidado. Os espectáculos tamén incluiron propostas para todos os públicos, como o Minuto de ouro, no que o alumnado presenta os seus proxectos en apenas un minuto, ou o espectáculo familiar Cienceando, unha das actividades máis exitosas do festival, que repasou a historia da ciencia mediante demostracións sorprendentes. Non faltaron monólogos científicos da man de Ciencia Calidade, que combinan rigor e humor para achegar o día a día na investigación ao gran público.

Un evento consolidado

Desde a súa primeira edición en 2023, CinVigo non deixou de crecer en participación e impacto consolidándose como unha referencia na divulgación científica en Galicia.

Ademais da FECYT esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a Unión Europea, a Autoridade Portuaria, o Concello de Vigo, e o Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras entidades. Con esta cuarta edición, CinVigo reafirma a súa aposta por sacar a ciencia dos laboratorios e levala ás rúas, facendo da cidade un gran espazo de aprendizaxe, descubrimento e participación cidadá.