Ernesto Pedrosa coas representantes de “Bicos de Papel”
A Fundación Mujeres por África, no eido internacional, e a asociación Bicos de Papel, no galego, foron recoñecidas o mércores 29 de abril cos Premios Consello Social UVigo Humana. A cerimonia, celebrada no edificio Redeiras, serviu para poñer en valor, en palabras do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, “os valores, a xenerosidade, o sacrificio, o coraxe e o altruísmo” das entidades galardoadas.
Bicos de Papel: acompañamento ás familias con menores oncolóxicos
O xurado valorou especialmente da asociación galega o seu apoio integral a familias e nenos con cancro, incluíndo recursos sociais, psicolóxicos, educativos e unha casa de acollida en Vigo para familias de Ourense que deben trasladarse durante os tratamentos. A súa presidenta, Mila Martínez, agradeceu o labor da vintena de estudantes da UVigo que colaboran como voluntarios e subliñou que “o voluntariado social é o exercicio da nosa responsabilidade cidadá. Cando sumamos, chegamos máis lonxe”.
Mujeres por África: liderado feminino como motor de cambio
No capítulo internacional, a Fundación Mujeres por África recibiu o premio pola súa traxectoria na promoción do liderado feminino, a igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible no continente africano. O seu director xeral, Juan Algar, destacou a aposta decidida polo “talento feminino africano como motor do cambio”, agradecendo ás universidades, e en especial á UVigo, a concesión dunha trintena de bolsas de mestrado para alumnas africanas.

Foto de familia das autoridades e premiados
O presidente do Consello Social, no peche do acto, destacou que os galardoados cos premios UVigo Humana “posúen o mérito indubidable de acceder ao recoñecemento, que dada a enormidade do seu labor, failles un pouco de xustiza. Pero non é menos gratificante que se convertan na cara visible do movemento solidario no seu conxunto, o que se afana silenciosamente e permanentemente en que vivamos en espazos máis humanos, máis habitables e nos que nós mesmos teñamos a oportunidade de ser mellores”.
Ernesto Pedrosa tamén lles recoñeceu que “onde case todos veríamos un deserto infranqueable e ameazante, vostedes prefiren ver un espazo, sabedores de que os espazos se cruzan. Posúen esta potencia de pensamento positivo”. Para o presidente do Consello Social “recoñecer o traballo, a dedicación e a xenerosidade destes colectivos fainos máis humanos, porque como deixou escrito Miguel de Cervantes: ‘A facer o ben, xamais lle falta premio”.
Podes acceder ao discurso completo do presidente do Consello Social premendo no seguinte botón