O Consello Social aproba definitivamente os orzamentos e o teito de gasto da UVigo para 2021

2020-12-23T19:41:28+00:0023 de Decembro de 2020|Novas|

A proposta de orzamentos para o ano 2021 despois de seren aprobados no Claustro e no Consello de Goberno, precisaba a aceptación final do Consello Social. Despois desta aprobación rematou a tramitación nunha sesión, que como vén sendo habitual, foi por medios telemáticos. Outros puntos importantes da reunión foron o teito de gasto da UVigo e o Plan Estratéxico da Universidade.

Ao comezo do Pleno, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social tivo palabras de recoñecemento para o traballo feito na institución académica neste ano tan “estraño” debido ao impacto da covid-19. Tamén fixo fincapé en como “da crisis debemos sacar conclusións positivas” e subliñou como “as universidades teñen exercitado unha potente capacidade de reacción (e Vigo é un bo exemplo), melloraron a súa identificación coas sensibilidades colectivas, cambiaron o ritmo de respiración académica e puxeron ás persoas por diante”.

Orzamento da UVigo e teito de gasto da Universidade

A UVigo contará para o vindeiro ano cun orzamento de 184.640.912 euros, o que supón un descenso do 5,3% respecto ao do ano que remata, aínda que a institución contará co orzamento estrutural máis alto da súa historia, de xeito que os ingresos estruturais, é dicir, os non afectados, ascenderán a 150.806.172 euros, 3 millóns de euros máis que nas contas de 2020. Atendendo á distribución dos gastos, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida (63,28 % do total) cun importe de 116.833.700 euros, por riba dos 112.996.556 euros de 2020. Redúcese o capítulo de transferencias correntes (-9,45 %), debido á diminución de axudas do ministerio para os proxectos de relacións internacionais (Erasmus, Marmooc, Leap…, axudas para dotacións bibliográficas e bolsas de mobilidade internacional) e tamén descenden nun -32,41% os investimentos reais. Polo que respecta ao teito de gasto para o exercicio 2021 quedou fixado en 196 millóns de euros.

O orzamento do Consello Social

Tamén se aprobou neste pleno o orzamento do Consello Social para o exercicio de 2021 e as liñas xerais do plan de actuacións a desenvolver pola entidade en 2022. Entre outros puntos, tamén se levaron a esta sesión o informe do cambio de denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, que pasa a denominarse Facultade de Comercio, e o informe sobre a creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas e creado co obxectivo de compartir visión e estratexia para aproveitar as capacidades e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sostible, con relevante impacto académico, social e económico.

No seu discurso ante os membros do pleno, o presidente do Consello Social tamén apuntou cuestións como que debido á pandemia “somos máis conscientes que nunca de que a ciencia e a investigación non só nos melloran a vida, senón que nos poden evitar perdela”. Neste momento, recalcou, “é o momento de mirar cara as inversións públicas en educación, cara o talento, cara a investigación e cara o mecenado”. Neste contexto, sinalou como “é unha boa noticia que o Ministerio de Universidades estea preparando un decreto de mínimos que deben cumprir as universidades, por riba da súa condición ou natureza, para poder ser aceptadas e denominadas como tales”, recalcando como “creo que esta iniciativa trae claridade, rigor, competitividade e garantías ao sistema universitario e evitará debates estraños ao esencial, que é a formación, investigación e o coñecemento de calidade”. Ademais, Ernesto Pedrosa indicou que con esta sesión plenaria culminou un período de catro anos da actual composición do Consello Social da UVigo, polo que “ante a eventualidade de que puideran producirse variacións antes de que volvamos a atoparnos na próxima reunión, cautelarmente quero agradecerlles a todos as súas achegas, expresamente aos que non continúen”.

 

Máis información sobre a aprobación do Plan Estratéxico nesta outra nova:
No último Pleno de 2020 o Consello Social aproba o Plan Estratéxico da UVigo (2021-2026)